Sábado, Maio 12th, 2012 | Author:

Sábado e xa se está acabando. Leváronnos a coñecer o tramo do Camiño de Santiago que pasa pola cidade. Logo fomos ao centro de recuperación de aves, xunto ao castelo. Despois fomos ao castelo e miramos o enorme pozo de 65 metros de profundidade. Xantamos en Fuentes  Blancas, arroz moi bo e costeletas de porco rebozadas. Tiñan moita fame.

Pola tarde tocou a catedral. Asombrosa. Serviu de guia Eva. Os nenos/as xa non podían máis.

Logo tocou ir e compras. Deixámolos na praza do Sarmental onde hai tendas de recordos. Compraron cousas inverosímiles, eso si, todas para os familiares.

«Fáltanme por gastar 2 euros» «Profe gastei todos os cartos na miña familia. Para min só comprei unha camiseta.» «Compreille un libro a meu pai…»

Pola noite examen «asquerosamente difícil».- Respondieron a todas las preguntas menos a una ¿Cantos asentos ten o coro».

Agora están na «fiestuqui» bailando a Michel Tello. Disfrutando.

«Esta semana, la mejor de mi vida»

Ata mañá sobre ás nove. Fin

 

 

Category: Aula  | 3 Comments
Venres, Maio 11th, 2012 | Author:

Hoxe tocou o sur da provincia de Burgos.  Chegamos a Salas de los Infantes, desembarcamos e despois de pasar pola Praza Maior, entramos no Museo dos dinosauros.   É un museo discreto pero moi interesante. Aos nenos encantoulles e mercaron recordos para levar aos familiares.

Logo fomos directamente a  Peñaranda de Duero. Visitamos o Palacio de Avellaneda que aínda conserva os artesonados dos teitos.  Son espectaculares e de grande valor artístico. Guiounos Marisa, brillante e moi a nivel dos rapaces. Había algunha boquiña aberta mirando para arriba.

Xantamos, no comedor do colexio público de Peñaranda, macarróns e raxo rebozado con ensalada e chocolate de sobremesa.

Pola tarde subimos ao castelo. Foi de novo Marisa quen nos ensinou o castelo: a torre da homenaxe, as ventas onde as damas agardaban aos cabaleiros, as almeas… ao final regaloulles aos nenos/as un lapis.

Máis tarde xogaron na praza ducal con Eva, a monitora.

Volvemos a Burgos nunha viaxe algo pesada, pois houbo caravana por obras en venres.

Aula, caderniño, ducha, teléfono, cea e a durmir.

Category: Aula  | 2 Comments
Xoves, Maio 10th, 2012 | Author:

Hoxe o programa de visitas era coma todos estes días, casi inmellorable. Briviesca, Frías, Oña e Poza de la Sal.

En Briviesca vistamos unha fábrica tadicional de améndoas garrapiñadas, riquísimas, e a súa Praza Maior. En Frías o seu  altivo castelo e a súa magnífica ponte medieval sobre o río Ebro. En Oña  visitamos  o seu mosteiro beneditino que están preparando para a exposición «Las Edades del Hombre».

Pero o día foi sobre todo de sorpresas. Os nenos e as nenas empataron, por primeira vez, no concurso de facer as camas sen engurras e coas dúas sabas estiradas. En Briviesca atopamos a Luís, un mariño mercante casado cunha castellana que vive aquí e que é de Marín, que pequeno é o…!  De camiño a Frías subindo unha costa avariouse o autobús, un problema de embrague sen perigo para ninguén, e tiveron que mandar outro autobús. Non houbo en todo o día que usar as bolsas de plástico. Cancdo chegamos a Frías recibiunos a monitora Marta que nos amosou o castelo. Logo baixamos á ponte medieval e tocamos a auga do Ebro. Os nenos tiraron pedriñas para facelas saltar na auga, no Ebro.

En Oña  xantamos  no colexio público, a mellor comida ata o de agora. Cun día de 28º de temperatura esperabamos algo fresco, mais tamén houbo sorpresa. De primeiro  fabas moi lixeiras e de segundo carne de terneira (Exquisito).

Volvemos a Burgos pasando por Poza de la Sal, a vila onde naceu Felix Rodríguez de la Fuente. Chegamos ben e fomos a aula, duchas, chamadas de teléfono cea e a durmir.

Estannos tratando a corpo de rei e con moita amabilidade e máis que cordialidade, tanto a profes como a alumnos/as.

Category: Aula  | 2 Comments
Mércores, Maio 09th, 2012 | Author:

Neste segundo día de estancia fomos coñecer a comarca do río Arlanza que queda un pouco ao sur de Burgos. Visitamos, despois de 40 km de bus e algún incidente de mareo, os desfiladeiros de La Yecla. Un terreo calcario, escavado por un afluente do Arlanza, de varias centenas de metros.  Enriba das nosas cabezas, voando, varias parellas de voitres, dous «quebantahuesos», un falcón…  Logo fomos a Covarrubias, miramos o torreón de doña Urraca, a colegiata, xogamos  con Eva e demos unha volta por esa vila do Arlanza de tanta historia e construcións medievais.

Xantamos no comedor do  colexio público de Lerma. A algúns gustoulle moito a crema de verduras que nos puxeron. Pola tarde Eva presentounos a Gustavo que nos fixo de guía pola vila do Duque e valido do Austria, Felipe III. Vimos e estivemos nos pasadizos que usaba o Duque para que a plebe non o vira saír de palacio, e soubemos que Lerma esta todo furado por debaixo. Seus habitantes teñen as bodegas no subterráneos das casas e canda a Invasión dos franceses comunicaron unhas con outras. Todo é un labirinto de galerías como na película «La leyenda de la ciudad sin nombre». Na súa  enorme e vistosa Praza Maior non poden entrar camións porque se enterran. O duque, construiu Lerma por arriba e a xente por baixo.

Chegamos a Fuentes Blancas, cubrimos as fichas, tempo libre, ducha, teléfonos e cea. Logo fixemos a presentación da nosa cidade. Apraudíronnos e entregamos os regalos que nos proporcionara o noso Concello para intercambiar.

Mañá levantámonos ás oito menos cuarto. É o día de máis autobús.

 

Category: Aula  | One Comment
Mércores, Maio 09th, 2012 | Author:

O programa do día non pode ser máis atractivo.

Pola mañá ás 10 no Museo da Evolución Humana (MEH). Un edificio impresionantemente útil e bonito para este museo. O contido do museo de excepción. Unha monitora chamada Silvia levounos polos varios pisos desta enorme caixa de cristal facendo da evolución algo para contar sen desmerecer científicamente nada.   Logo fomos a visitar as instalacións de Campofrío. Moi bo trato. Déronnos de xantar case toda a gama de produtos e logo nos fixeron uns agasallos.

Pola tarde leváronnos a Atapuerca, pero non ás excavacións, senon a un parque arqueolóxico. Alberto, o monitor, explicounos de novo a evolución humana, pero a outro nivel. Dunha forma interactiva e amena nos transportou á prehistoria. Os nenos e nenas viron en directo como os antepasados dos homes  baixaron das árbores por un cambio climático e se poñían a andar sobre dúas pernas. Como se tallaba a pedra para facer ferramentas, como progresaron facendo mellores ferramentas como empezaron os primeiros enterramentos e como se pintaban as covas. Tiraron lanzas e frechas como os antigos cazadores.

Os nenos e nenas sorprendentemente atentos. Ata os monitores resaltaron este comportamento.

Logo para Fuentes Blancas, fomos a aula a repasar todos os contidos  do día cubrindo unhas fichas a todo color nun caderniño proparado por esta xente incrible das Escolas Viaxeiras de Burgos.

Duchas, chamadas por teléfono, cea, tempo libre e a durmir que mañá haise que erguer ás 8h.

Category: Aula  | One Comment
Luns, Maio 07th, 2012 | Author:

A viaxe foi impresionante. Todos os nenos e nenas de Campañó, insisto, todos, portáronse de marabilla. Tanto a revisora do tren como,  Manolo de Lalín que ía a Bilbao, como Silvia que parou en Ponferrada ou Miguel de Austria que volvía de facer o Camiño de Santiago fixeron una foto con nós, pois porque lles resultamos simpáticos e nos portamos moi ben como pasaxeiros. Eivos dicir que o tren non tiña departamentos, era todo corrido. Ao final  o único percance foi a perda momentánea da bolsa dos móbiles, que oculta tras dunha maleta que non era nosa marchou para Bilbao como consecuencia das presas do desembarco e as maletas.

Aquí en Fuentes Blancas a cousa non puido ser mellor. Temos dous monitores Eva que nos acompañará en todas as saídas e Juanfran que nos axuda no comedor e nas actividades. Agora todos están a durmir en habitacións separadas os nenos das nenas, misturados cos dos outros colexios.

Mañán en pé ás 8h. 30 min

Category: Aula  | Leave a Comment
Luns, Maio 07th, 2012 | Author:

Como acordaramos na xuntanza do pasado martes 24 de abril, o sinal para notificarvos que todo saíra segundo o previsto sería este aviso no blog.

Chegamos todos ben e a tempo. Estou escribindo desde a aula de informática da «Residencia Fuentes Blancas» (CRIEB) nas aforas de Burgos. Son as 18:14

Todos os nenos e as nenas escribiron moito no seu caderniño de viaxe.

Agora están cos monitores acomodándose nas habitacións.

A partir de agora a disfrutar, a aprender e a convivir durante os próximos  seis días.

TODOS OS DÍAS, neste blog, HABERÁ UNHA PEQUENA CRÓNICA dos principais feitos do día con fotos.

O profe Moncho 

Category: Aula  | Leave a Comment
Xoves, Maio 03rd, 2012 | Author:

O primeiro que hai que saber para tal asunto é o tempo que vai facer. Esta páxina web dá previsións por adiantado de 14 días: http://www.eltiempo.es/burgos.html

Imos preparando:

Material de aseo e hixiene persoal: neceser con pasta de dentes, cepillo con funda, colonia e/ou desodorizante, protector solar, peite, toallas, praieiras para ir ao baño,…

Logo as mudas de roupa interior.

Roupa e calzado axeitados para o tempo que vai facer. Sen esquencer un bo pixama, de noite vai máis frío que aquí, a gorra e o paraugas pequeno (é bastante probable que nos chova en Atapuerca).

Bolsa de plástico para a roupa sucia.

Os aparellos electrónicos e os seus cargadores: teléfonos móbiles, cámaras, tarxetas revisadas.

O material didáctico: caderno de viaxe, boli,…

Agora que xa sabemos aproximadamente o volume de cousas, eliximos a maleta onde caiba  todo eso e metémolo dentro con xeito.

Lembrádevos de levar a mochiliña pequena, e aqueles que a precisen, a medicación.

 

Category: Aula  | 8 Comments
Xoves, Maio 03rd, 2012 | Author:

Hoxe a primeira hora viñeron Xan e Maica a aprendernos a xogar á billarda aos nenos e nenas de 5º e 6º. Trátase de ir preparándose para o campionato que vai ter lugar en Pontevedra a finais de mes no que participarán outros colexios de Primaria. Algún recreo ímolo pasar practicando golpeando co palán a billarda no patio de abaixo.

Xa hai nenos e nenas que demostran a súa boa predisposición. Supoñemos que con algo de práctica acadaremos algún premio nese campionato.

Tamén vai ir unha ficha para casa para recoller datos que saiban os avós sobre este xogo. Eduardo xa dixo que o mellor palán era o de madeira de salgueiro.

Todas as fotos AQUÍ 

 

Category: Aula  | 3 Comments
Domingo, Abril 29th, 2012 | Author:

O sábado fun ver a exposición de La Caixa sobre a Evolución humana que está diante do Concello. Esperaba atopar a algún alumno/a. Non vin a ninguén.

A exposición é moi educativa pois recalca as cousas das que xa falamos na clase e os contidos do material que recibimos de Burgos. Para min, o profe, o máis salientable é a dimensión das figuras  a tamaño real desde o Australopithecus ata o Sapiens. O Heildelbergensis e o Neandertal impresionan. Outra cousa que me sorpendeu moito foi ver como traballaban e fabricaban as «pedramentas», como di Víctor. Con que habelencia movían a pedra para logo darlle no punto. Como golpeaban no sitio preciso… Cantas pedriñas tiveron que romper antes!

Non perdades esta oportunidade.

Category: Aula  | 2 Comments
Olark Livehelp